Lembro que cando era nena, tería uns 7 ou 8 anos, adoitábamos ir ó voltar da praia ata o monte Comado (Barreiros) dende onde víamos despegar persoas en parapente e ala delta… Sempre me fascinou a proximidade entre mar e terra, praia e montaña, que temos en Galicia. E esa imaxe das velas de cores que saían voando dende a montaña cara ó mar quedou, dunha ou doutra maneira, gardado na retina e nas lembranzas de infancia…

O que por aquél entón non imaxinaba é que anos máis tarde sería eu mesma quen saíse voando dende ese mesmo despegue grazas ó programa “Poñemos Ferrol polas nubes” co que o Clube Parapente Ferrol achegaba este deporte tan descoñecido ás persoas de a pé, ás persoas que simplemente tíñamos ese soño aínda por cumplir…

Esa sensación plácida de estar flotando polo ar dende o mesmo instante en que despegas os pés da terra ficou grabada para sempre nese inventario de emocións, coma as velas de cores que vira na infancia. Así que xa ese día quedei convencida de que ía volver…

E, efectivamente, cando voltei foi xa para aprender a voar eu soa, grazas ó curso para formación de pilotos que dende o clube promocionaba o deporte feminino. Inexplicablemente, son moitas as mulleres que se animan a probar a experiencia con voos biprazas e moi poucas as que nos aventuramos a aprender a voar de maneira autónoma. Mágoa. Esa sensación de liberdade só se pode experimentar cando é unha mesma a que manexa os mandos do parapente e dirixe a vela polo suco de nubes gañando altura, a carón de paxaros, sentindo o vento, disfrutado desa natureza que ós teus pés che amosa paisaxes de lagoas, de cantís, de praias, de area, de mar, de árbores e montañas…

(A aprendizaxe é progresiva: comézase co izado da vela, despois chegan os denominados “saltos de galiña”, que son os primeiros voos dende cotas baixas, e cando xa está dominada a técnica e os instructores consideran que as condicións son idóneas entón chega ese día de voar dende a altura).

Se tivese que elexir un só momento, escollería aquel 23 de setembro cando fixen o meu primeiro voo de altura; se tivese que elexir unha soa verba para definilo, escollería “liberdade”. Lembro cunha especial emoción aquela tarde en que se iniciaba o outono e todo apuntaba a que viviría a experiencia dese primeiro voo eu soa: dunha banda, as condicións idóneas que auguraban un descenso tranquilo e plácido, e doutra banda, as mensaxes de ánimo e camaradería dos compañeiros que ese día non estaban no despegue pero ós que sentín ó meu carón como se estivesen conmigo nese intre…

Penso que unha das maiores e mellores virtudes deste deporte é que, aínda que voas soa, nunca é un deporte individual: sempre estás rodeada de persoas que che fan sentir unha máis, porque no ceo todos e todas somos iguais, pero tamén nos despegues e nas aterraxes a camaradería que se forma, a amizade e os lazos que nos vencellan, as experiencias coas que nos enriquecemos, os momentos que se crean, fan que o parapente acade outra cor e outra dimensión que vai máis aló de disfrutar da experiencia de voar…

A cotío son a única muller nos despegues, case sempre a única rapaza nas prácticas, pero eso nunca me fixo sentir incómoda, máis ben ó contrario, sentínme sempre unha máis entre os compañeiros, quenes derrochan paciencia, consellos e me brindan sempre a súa axuda como fan con todos os demáis. Porque se por algo se caracteriza o noso deporte, é por xerar empatía entre nós, que nos leva a amosar sempre a mellor cara incluso nos momentos ingratos. Pero o apoio, o ánimo, o agarimo de todos está sempre aí, para sumar, sexan ou non membros do Club Parapente Ferrol.

Sede benvidos e benvidas.

(Coido que unha das virtudes de todo parapentista é a paciencia; por toda esa paciencia que gastástedes conmigo, eu só podo sentirme sinceramente agradecida. GRAZAS.) Maite Reimondo.

www.contraoselementos.gal

Escríbenos

En breve che contestaremos.

Copyright
Club Parapente Ferrol, tu club de vuelo en Galicia. Call Now Button
× Whatsapp